Setembro será o mes elixido para a súa presentación, que incluirá unha demostración a través da cidade

O primeiro vehículo autónomo de Santiago de Compostela, froito da iniciativa Smartiago, unha alianza entre o Concello da cidade e Vodafone España, será presentado ao público no mes de setembro. No marco dun Living Lab, un espazo creado para a atracción de emprendedores e empresas da capital galega, farase unha demostración do seu uso.

Entre os obxectivos do proxecto, dotado dun investimento de 547.909 euros, está o de mellorar o transporte de mercadorías no centro da cidade e reducir as emisións contaminantes. Contará cun Living Lab, un espazo vivo no que se asesorará a emprendedores e empresas de Santiago no uso da plataforma e a súa participación na mesma.

Ao longo dos meses de setembro e outubro realizarase un mapeado dixital de distintas zonas do centro histórico de Santiago, permitindo, non só a condución autónoma do vehículo, senón poñer ao dispor dos participantes do Living Lab estes mapas para o seu udo noutros vehículos autónomos que pretendan circular pola cidade.

No desenvolvemento do proxecto de contou coa colaboración da Universidade de Deusto e a empresa biscaíña Phebus SL. As primeiras probas realizáronse en Barakaldo, Biscaia, onde o vehículo realizou con éxito un mapeado preliminar da zona circundante e realizou un percorrido de forma autónoma.

O vehículo ten un nivel de condución autónoma 4, é dicir, funciona sen condutor. Dispón de sensores LIDAR e cámaras termodinámicas FLIR, para recoñecer o que sucede ao seu ao redor; ademais dun Sistema Global de Navegación por Satélite, GNSS, e un sistema de comunicacións LTE para o seu control. Tamén levará incorpotado un georradar co que se analizará o impacto do tráfico rodado no subsolo de Santiago.