O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo e responsable do proxecto Smartiago, Sindo Guinarte, e Severino Castromán Souto, responsable de Administracións Públicas Galicia – Vodafone España, presentaron o proxecto para o desenvolvemento do primeiro vehículo eléctrico autónomo para mellorar o transporte de mercadorías e reducir o impacto ambiental na zona histórica de Santiago.
«Trátase», explicou o concelleiro Sindo Guinarte, «do penúltimo contrato de CPI (Compra Pública de Innovación) que se adxudica». «É», contiuó, «probablemente o proxecto máis innovador e que ten máis percorrido» de Smartiago. «Estamos satisfeitos de que unha empresa da solvencia de Vodafone, fóra a adxudicataria do concurso«.
Vodafone España resultou adxudicataria da iniciativa «SMARTiAGO – Servizos de investigación e desenvolvemento de vehículos eléctricos autónomos modulares multifuncionais no marco dun Living Lab de loxística de última milla», no marco do reto de mobilidade intelixente e sostible do proxecto Smartiago, dentro dun concurso público impulsado polo Concello de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é poñer en marcha unha folla de roteiro formado por un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das Smart Cities.
A operadora propuxo unha solución tecnolóxica consistente no despregamento dun ecosistema integrado baseado nunha plataforma de xestión global, que inclúe o desenvolvemento de vehículos eléctricos e autónomos multifuncionais, ademais do control de acceso a zonas restrinxidas, monitorización de persoas e vehículos e a xestión de prazas de aparcamento. Como elemento de conexión, exponse o uso dunha plataforma de xestión avanzada, que servirá como punto de tratamento e compartición de datos, así como a análise de datos e algoritmos de predición en base á información xerada no ecosistema ou elementos externos conectados a el.
Todos os detalles do proxecto expúxoos Severino Castromán. O vehículo autónomo de Vodafone, que se desenvolverá coa tecnoloxía máis innovadora, funciona a través da condución autónoma de nivel 4 sen condutor e unha unidade de control remoto do vehículo. Leva incorporadas cámaras LIDAR, un sistema de sensor que permite identificar os obxectos que ten diante, así como cámaras termodinámicas FLIR, unha ferramenta de inspección sen contacto cun bloque óptico giratorio de 180°. O coche tamén leva un sistema GNSS (Sistema global de navegación por satélite) e sistema de comunicacións vía LTE para control e sensórica de vehículo. Ademais, inclúense Pods desmontables para a loxística de materiais para servizos públicos e un georradar que valora un posible impacto do tráfico en infraestruturas subterráneas municipais. Todo iso xunto a unha plataforma SMART que recolle os datos de todos os sensores propostos para medir o impacto e funcionamento do coche en remoto.
Vodafone desenvolverá o seu primeiro vehículo autónomo no centro histórico de Santiago, co obxectivo de mellorar o transporte de mercadorías de última milla e determinar o impacto dos vehículos nas infraestruturas da cidade. Un proxecto no que se investirán 547.909,09 euros, e que servirá como impulso para reducir a pegada de carbono e as emisións contaminantes para o medio ambiente, e, ao mesmo tempo, para optimizar a distribución das mercadorías e mellorar os niveis de conxestión urbana provocados polo tráfico.
Novos proxectos de mobilidade urbana
Vodafone tamén poñerá en marcha un «Living Lab» de I+D+i orientado á loxística de última milla e enfocado a axentes do sector público e privado en Santiago de Compostela, Galicia e España. Así, explicou Severino Castromán «crearase un ecosistema que servirá de conexión entre a industria de mobilidade, de automoción, o sector público e empresas de loxística e transporte». Este espazo tamén axudará a identificar beneficios e entidades colaboradoras; aumentará a implicación dos axentes públicos e o público-persoais; e impulsará outras actividades como de networking, asesoramento, xestión contidos, actividades en aberto, comunicación, difusión, entre outros.
O desenvolvemento destes novos proxectos de mobilidade, ademais, permitirán situar aos axentes implicados para a captación de Fondos Europeos Next Generation EU entre 2022 e 2024.
Uninova, a incubadora de empresas innovadoras promovida polo propio Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago contribuirá a tecer as relacións co ecosistema innovador no marco do Living Lab, así como perseguir a captación de fondos para impulsar proxectos no marco do devandito banco de probas.
Smartiago
O proxecto Smartiago nace por mor da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica.
A consecución destes obxectivos realizarase a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago articúlase en tres retos para tentar conseguir estes obxectivos:
- Reto 1: Movilidad inteligente y sostenible.
- Reto 2: Gestión sostenible e inteligente de RSU.
- Reto 3: Iluminación ornamental inteligente para la conservación del patrimonio.
Outro dos fins de Smartiago é implicar nestes obxectivos a axentes do sistema de I+D+i local, rexional e nacional. Mostra disto é a alta participación conseguida ata o de agora nos diferentes eixos do proxecto. Un proxecto que permitirá situarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo acometendo novos retos en liña co obxectivos FEDER 2014-2020.
O proxecto Smartiago pretende lograr, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.
A contratación de innovación moderniza o sector público con solucións máis baratas e de maior calidade. Estas prácticas contribúen directamente á competitividade da UE, ao abrir un roteiro ao mercado para novos xogadores, especialmente as pemes. Tamén axudan ás empresas máis grandes a levar produtos innovadores ao mercado, estimulando o crecemento empresarial transfronteirizo e a creación de emprego. A contratación por innovación tamén serve para atender as necesidades máis perentorias da sociedade.
Cofinanciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento de la Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.
Recepción
Antes dá rolda de prensa ou alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu a Lorena Rosende e a Diego Piñeiro, que estiveron acompañados do concelleiro Sindo Guinarte.